Resultados do Club Kickboxing Lalín no “Campionato Galego de Kickboxing Light-Contact 2016”

Durante a xornada do 14 de Maio, celebrouse no impoñente Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela o Campionato Galego de Kickboxing Light-Contact da Federación Deportiva Galega de Kickboxing, onde se enfrontaron multitude de clubs chegados das catro provincias. Entre eles o Club Kickboxing Lalín con tres competidores.
Os resultados na competición foron os seguintes:
Noelia Ferreiro Reboredo, que competía en 13-14-15 anos e -65 Kg. feminino, logra a medalla de bronce caendo en semifinais contra Alejandra Vázquez do ITF Noia.
Marcos Fernández Méndez non logra escalar posicións e cae en cuartos da categoría de +17 anos e -79 Kg. masculino contra o duro rival Óscar Vázquez do Kickboxing Juancho.

A maior alegría para o club dezano chega de novo da man de David Gil Nogueira, en 10-11-12 anos e +47 Kg. masculino. O dezán vence a rivais de clubes de renome como Roi Vázquez da Escola Ayude de Melide, José Luís Casal do Kickboxing Poio, Ignacio Branco do ITF Noia, e remata a xornada conseguindo a medalla de ouro e o título de Campión Galego da proba de Light-Contact contra Tomás Vazquez do Kickboxing Juancho. O bravo dezán a escasas xornadas de cambiar á categoría de 13-14-15 anos, suma outro título máis tras conseguir tamén o Campionato Galego da proba Pointfighting e a medalla de bronce da mesma proba no Campionato de España da Federación Española de Kickboxing o pasado Abril en Salamanca.

No hay comentarios:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...